Acerca de nós
AXÓUXERE é un proceso definido por un conxunto de creadores galegos independentes de todo forma ou dominio institucional. Inicialmente definidos como pensadores dunha nova orde configurativa do social, entendemos que co paso do tempo que só somos mediadores. Mediadores dun xogo que provén de longo tempo pasado e do que nós temos constancia a través de todas as insurxencias que co tempo se foron definindo como novas aproximacións ao mundo, coma novos modelos de existencia ou acontecementos que, de modo interno, transformaron a realidade.
Non somos singulares, máis ca outros, máis ca aqueles que traballan o pensamento e se adican á edición ou ao pensar colectivo, ou ben a aqueles que pensan na convivencialidade como medio de subsistencia nun tempo que parece apocalíptico.
Hai, sen embargo, en nós, unha particularidade: nós non temos dominio fixo. Non cremos en ningunha instancia nomeadamente particular de sentido máis alá que a do nome persoal que cada un lle dá ao seu propio anceio, desexo ou busca; non somos porén nominalistas, é dicir, non cremos nas máscaras nin nos rostros fixos, definidos, escurecidos pola longa ausencia do principio creativo orixinario. Cremos, iso si, en que somos moitos e que a actitude é moi importante para acadar unha comprensión da vida o suficientemente aberta como para poder cambiala. Por iso nos enfocamos no social como orixe do noso inquedarnos permanente sobre as conformacións que, a día de hoxe, e dende sempre, foron a primeira palabra que constrúe a existencia, esas palabras que semellan provir do fundamento de todo (tal vez orixe) e que responden a un patrón de danza que, aparentemente, non ten orde pero que, descoñecida dende a materia mesma, parece dicirnos que todo se artella arredor dun xogo. Din os hindús que a palabra primitiva foi “xogade” e non meramente “sede”, tal vez por iso a nosa idea do universo é a do xogo, porque aí, nese ámbito mixto onde todo se dá, a aparencia e aquilo que nos quixeron facer crer como importante desaparece na face burlesca de Dionisos; no riso có(s)mico que arredonda o fértil espacio nutriz do real e nos fai, definitivamente, navegar.