Mal mor
Emilio araúxo
74 páxinas / Prezo: 12€
«Ser é ser percibido», escribía o filósofo George Berkeley no século XVIII . Atraído por esa idea, Samuel Becketl poríaa en xogo na obra Mal vu mal dit (1981). Nela narrábase a tensión vital dunha anciá irlandesa e medio cega. «Desde o seu leito, ve erguerse Venus. Aínda. Desde a súa cama, cando o ceo está claro, ve erguerse Venus e despois o sol. Aínda», cóntanos o comezo da obra. A difusa imbricación entre o dito e o percibido, entre o que se describe e o que se imaxina, ou tamén entre palabra e relato, está habilidosamente armada no dispositivo beckettiano. Emilio Araúxo, con Mal mor, revisita a obra do escritor francófono, inseríndose no mesmo lugar de cruce entre linguaxe e representación, entre percepción e narración, relatándonos as duras xornadas dunha vella do rural. Nelas semella anticipársenos un final, un intre derradeiro, culminante, ao tempo que a forza desas palabras aínda ditas frean a súa consumación: «Aquí. Aquí onte non poder. Non poder moito. Non poder. Algo. Algunha cousa. De que está descansada aínda a vai facendo. Saír da casa». Cunha escrita depurada e esencial, o autor lalinense dálle voz a quen desde o seu persistir prolonga a melodía dunha vida que se achega ao apoxeo mais que teimuda e constante, chea de dores e lembranzas, agarda no firme paso que chanta a existencia á terra, coma os nosos avós, coma as labregas e os labregos que resistindo o inevitable din o acontecemento do seu lugar nun mundo que non se esgota. Pois están aquí aínda. Aquí. Mentres a lúa observa.
|