Torino
Ramón Torrado
228 páxinas / Prezo: 18€
Á maneira que reflicten cancións como Libre de Nino Bravo, Eagle de ABBA ou Fly like an Eagle de Steve Miller, o ser humano pode aspirar a voar coma unha aguia na busca da beleza, da emoción e da verdade, case seguindo aquela xeira platónica cara á trindade do excelso. É un soño que se fai realidade cando viaxamos. Torino é o relato dunha viaxe, un traxecto entre Galicia e Italia que lle serve ao autor para explicarse á súa familia. Un libro de crónica que é un libro de ensaio, que é asemade un libro de pensamento. A aventura descrita aconteceu no ano 2003 e o texto foi escrito nos dous anos seguintes, pero os sentimentos experimentados e os pensamentos explorados seguen presentes, coma unha eternidade a repetirse, fundando un cronotopo, un eido onírico que universaliza a vivencia do autor e nola doa. Esta travesía física e espiritual pide unha lectura calmada que permita que a imaxinación pinte un retrato das peripecias que se contan e que o pensamento considere as ideas que se ofrecen como flores. Os pasos da vida e a inquedanza polo inmaterial están presentes. No fondo do río da vida, entre pedras ásperas ou puídas, talvez encontre o lector humildes pedras preciosas no abalar que o mar do spiritus mundi provoca, xunto con múltiples conexións, augurios e emocións voando en liberdade. Un brillante libro no que sentimento, intelecto e fantasía conviven amablemente.
|