A lingua viaxeira
VV.AA.
110 páxinas / Prezo: 14 €
A emigración constitúe un dos elementos fundamentais da identidade galega. Ben sexa motivada pola precarización da vida no contexto territorial propio, ben ligada a unha relación nómade co mundo, ao devezo de coñecer e integrar o alterno, as formas de vida descoñecidas, o certo é que a través da diáspora a nosa fala deveu lingua errante, en evolución, sempre permeando outras realidades, espazos e contextos. A lingua viaxeira presenta un feixe de voces diversas que, desde diferentes partes do mundo e a través de distintos xéneros, escribindo en galego, nos dan pé a visualizar un territorio «expandido» no que Galiza non é xa un terreo material concreto, senón unha idea, unha sensación, un territorio sobre o que o noso soño pode cabalgar e abrirse a realidades aínda non coñecidas, un estado da alma que nunca nos abandona.
Editado no marco do ONDA (observatorio da nova diáspora galega), no libro participan María Alonso (Edimburgo), Xelís de Toro (Brighton), Luz Pichel (Madrid), Moncho Iglesias Míguez (Bangladesh), Carlos Penela (Viena), Eva Moreda (Glasgow), Elías Portela (Reykjavik), Martín Veiga (Cork), Erín Moure (Montreal), Helena Salgueiro (Edimburgo), Miriam Sánchez Moreiras (Denver) e Xavier Queipo (Bruxelas).
|