Marisa
Cristina F.
28 páxinas (formato caderno) / Prezo: 8 €
A historia de Marisa é unha viaxe nunhas poucas frases rimadas dende o máis extenso espazo exterior ao corazón das nenas e nenos. Unha viaxe para vencer os medos ao descoñecido. Se noutros contos da mesma autora a letra é ben grande, neste non é que sexa grande. É que é inmensa!
Cristina F, con F de Ferreirós (Planeta Terra, 1962), estudou filosofía na Universidade de Santiago e leva xa vinte anos publicando contos de literatura infantil escritos e ilustrados por ela. Entre os máis coñecidos están os contos de Mala Malona (Sotela Blanco, 1998) e Alfombriña (Baía, 2008), así como a colección A Comer! (2012), ou O Pamparampán! (2015), ambos en edición da autora. Ten publicado ademais o pequeno caderno de verán Fragmentos e comentarios do diario íntimo de Cristina F (Estaleiro, 2012), e realizado ilustracións para publicacións como Razóns de Peso (Estaleiro, 2010), de Clara Gayo. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu tamén un vínculo importante co ámbito do teatro, participando na creación de escenografías, atrezzo e textos en grupos como Berrobambán, Chévere ou Trompicallo. Mantén desde hai anos o blogue criscrascrus.blogaliza.org e actualmente traballa como persoal de apoio en centros de ensino infantil, dá paseos pola praia e o monte, e de cando en vez... escribe e debuxa, é dicir: navega.
|